Estratexia comercial: coñece o teu público antes de facer márketing

Estratexia comercial: coñece o teu público antes de facer márketing

Ter un bo produto ou ofrecer un servizo de calidade non garante que un negocio consiga clientes. Para que unha proposta funcione, é necesario ter unha estratexia comercial que chegue ás persoas adecuadas e que estas entendan por que pode resultarlles útil.

Moitas persoas emprendedoras comezan a súa actividade abrindo perfís nas redes sociais, creando unha páxina web ou investindo en publicidade. Porén, ás veces esquecen un paso previo fundamental: definir a quen se dirixen e que queren comunicar.

Sen unha idea clara do público ao que queremos chegar, as accións de márketing poden acabar converténdose nun esforzo pouco efectivo. Publicar con frecuencia, conseguir visualizacións ou aumentar o número de seguidores non sempre se traduce en novas oportunidades de negocio.

Por iso, antes de deseñar unha campaña ou preparar unha publicación, convén traballar a estratexia comercial, coñecer o cliente potencial e construír un discurso que conecte coas súas necesidades.

1. Define a quen queres vender

O primeiro paso consiste en identificar o público obxectivo do negocio. Non abonda con dicir que o produto ou servizo está dirixido a todo o mundo. Canto máis ampla sexa a definición, máis difícil será adaptar a comunicación e destacar fronte á competencia.

Para concretar o perfil do cliente potencial, é importante analizar diferentes aspectos:

  • Datos demográficos: idade, localización, nivel de ingresos ou situación profesional.
  • Situación e contexto: a que se dedica, como é o seu día a día e en que circunstancias podería necesitar o teu produto ou servizo.
  • Necesidades e problemas: que dificultades ten e que solucións está buscando.
  • Hábitos de consumo: onde busca información, que redes sociais utiliza e como toma as súas decisións de compra.
  • Motivacións: que factores valora máis á hora de contratar un servizo ou adquirir un produto.

Por exemplo, unha persoa que ofrece servizos de asesoramento fiscal pode dirixirse a autónomos que acaban de iniciar a súa actividade, pero tamén a pequenas empresas que necesitan mellorar a súa xestión administrativa. Aínda que ambas poden contratar o mesmo servizo, as súas necesidades, preocupacións e expectativas son diferentes.

Definir estes perfís permite adaptar a proposta comercial e evitar mensaxes demasiado xenéricas.

2. Identifica as necesidades e os problemas do teu cliente

Coñecer o público obxectivo implica ir un paso máis alá dos seus datos demográficos. O verdadeiramente importante é comprender que necesita, que lle preocupa e que problema intenta resolver.

As persoas non compran un produto ou contratan un servizo unicamente polas súas características. Na maioría dos casos, buscan unha solución a unha necesidade concreta ou unha mellora na súa situación.

Para identificar esas necesidades, podes formular algunhas preguntas:

  • Que problema ten o meu cliente potencial?
  • Que dificultades atopa para resolvelo?
  • Que alternativas utiliza actualmente?
  • Que lle impide tomar unha decisión de compra?
  • Que resultado espera conseguir?

Unha boa forma de obter respostas é falar directamente coas persoas ás que queres chegar. As conversas con clientes actuais, antigos clientes ou persoas interesadas poden achegar información moi valiosa.

Tamén podes revisar as preguntas que recibes habitualmente, os comentarios nas redes sociais ou as opinións sobre produtos e servizos similares. Esta información axudarache a entender mellor o mercado, a identificar oportunidades para diferenciar o teu negocio e a elaborar unha estratexia comercial coherente.

3. Constrúe unha proposta de valor clara

Unha vez definido o público e identificadas as súas necesidades, chega o momento de explicar que ofrece o teu negocio e por que debería elixir a túa proposta fronte a outras alternativas.

Isto é o que se coñece como proposta de valor: unha explicación clara do beneficio principal que achegas ao cliente e do que fai diferente a túa oferta.

Para construíla, convén responder tres cuestións:

  1. Que ofreces? Define o produto ou servizo que comercializas.
  2. A quen axudas? Identifica o perfil de cliente ao que te dirixes.
  3. Que beneficio achegas? Explica que problema resolves ou que mellora proporcionas.

Por exemplo, non é o mesmo dicir “ofrezo servizos de deseño gráfico” que “axudo a pequenos negocios a construír unha identidade visual profesional para transmitir confianza e diferenciarse da competencia”. A segunda formulación permite comprender mellor a quen vai dirixido o servizo e que valor pode achegar, en definitiva, quen é o teu cliente ideal.

4. Prepara un discurso comercial que conecte

A proposta de valor é a base sobre a que se constrúe o discurso comercial. Este consiste na maneira de presentar o teu negocio, explicar o que fas e transmitir por que a túa oferta pode resultar interesante para o cliente.

Un erro habitual é centrar toda a comunicación nas características do produto ou servizo. Xa que o cliente adoita estar máis interesado nos beneficios que pode obter.

Pensa, por exemplo, nunha profesional que ofrece servizos de organización e xestión administrativa. En lugar de limitarse a enumerar tarefas como xestionar facturas, organizar documentos ou preparar informes, pode explicar que axuda a autónomos e pequenas empresas a reducir o tempo dedicado á administración e a centrarse na actividade principal do seu negocio. O servizo é o mesmo, pero a mensaxe cambia: pasa de describir o que fas a explicar como podes axudar.

Para construír un discurso comercial efectivo, ten en conta estes aspectos:

  • Utiliza unha linguaxe sinxela: evita tecnicismos ou explicacións demasiado complexas.
  • Fala desde as necesidades do cliente: céntrate nos seus problemas e nos beneficios que pode conseguir.
  • Destaca o que te diferencia: explica que achegas que non ofrecen outras alternativas.
  • Adapta a mensaxe ao contexto: non todas as persoas necesitan recibir a mesma información.
  • Inclúe exemplos concretos: mostrar situacións reais axuda a comprender mellor o valor da túa proposta.

O obxectivo non é elaborar un discurso ríxido que teñas que repetir sempre, senón contar cunha base clara que che permita comunicar o teu negocio con coherencia.

5. Adapta a comunicación ás canles adecuadas

Cando xa sabes a quen te dirixes e que mensaxe queres transmitir, podes decidir onde e como comunicarte co teu público.

Non todos os negocios precisan estar presentes en todas as redes sociais nin empregar todolos medios de comunicación dispoñibles. A elección das canles debe responder aos hábitos do cliente potencial e aos obxectivos comerciais. Por exemplo:

  • Redes sociais: poden ser útiles para dar visibilidade ao negocio, compartir contidos de interese e crear unha comunidade arredor da marca.
  • Páxina web: permite presentar os produtos ou servizos, explicar a proposta de valor e facilitar o contacto ou a contratación.
  • Correo electrónico: resulta interesante para manter a relación con clientes e persoas interesadas, compartir novidades ou presentar ofertas.
  • Networking e eventos profesionais: facilitan o contacto directo con potenciais clientes, colaboradores e outros profesionais.
  • Recomendacións: as opinións e experiencias positivas dos clientes poden converterse nunha importante fonte de novas oportunidades comerciais.

A clave está en seleccionar as canles que mellor encaixen co teu público e utilizalas cunha finalidade concreta: establecer unha boa estratexia comercial. Ter presenza en moitos medios non significa necesariamente chegar a máis clientes. É preferible traballar ben dúas ou tres canles que dedicar esforzos a plataformas que non achegan resultados.

6. Valida a túa estratexia antes de investir máis recursos

Ter definida unha estratexia comercial non significa que tódalas decisións iniciais sexan acertadas. As necesidades do mercado cambian e, ademais, a percepción que temos do noso cliente ideal pode non coincidir coa realidade.

Por iso, é importante comprobar se a mensaxe que estamos transmitindo conecta co público ao que nos diriximos. Podes comezar con pequenas accións:

  • Presenta a túa proposta a varias persoas que encaixen co perfil de cliente que definiches.
  • Pregunta se entenden claramente que ofreces e que beneficios poden obter.
  • Comproba se identifican a necesidade que pretendes resolver.
  • Analiza que preguntas ou obxeccións aparecen con máis frecuencia.
  • Observa que publicacións, mensaxes ou accións comerciais xeran máis consultas e oportunidades.

Tamén é recomendable facer un seguimento dos resultados. Algúns indicadores que poden axudarche son o número de consultas recibidas, as reunións comerciais realizadas, a porcentaxe de conversión de contactos en clientes ou a procedencia das novas contratacións.

Se as accións de comunicación xeran moita interacción pero poucas vendas, pode ser necesario revisar a mensaxe, a proposta comercial ou mesmo o perfil de público seleccionado. Porque a estratexia comercial debe entenderse como un proceso de mellora continua: observar, analizar, probar e axustar.

7. Antes de facer márketing, revisa estas cuestións

Antes de poñer en marcha unha campaña, publicar contidos nas redes sociais ou investir en publicidade, dedica uns minutos a comprobar se tes claros os elementos fundamentais da túa estratexia. Esta pequena lista pode axudarche:

  • Teño identificado o perfil de cliente ao que quero dirixirme.
  • Coñezo as súas principais necesidades, problemas e motivacións.
  • Sei que valor achega o meu produto ou servizo.
  • Podo explicar a miña proposta comercial de maneira clara e sinxela.
  • Sei que me diferencia doutras alternativas do mercado.
  • Teño identificadas as canles nas que podo atopar os meus clientes potenciais.
  • Estou preparado para medir os resultados e modificar o que non funcione.

Se algunha destas cuestións non está suficientemente definida, pode ser un bo momento para revisar a estratexia antes de continuar investindo recursos en accións de márketing.

Unha boa estratexia comercial comeza por escoitar

Conseguir clientes non consiste unicamente en facer máis publicidade ou publicar contidos con maior frecuencia. Antes de comunicar, é preciso comprender a quen queremos chegar, que necesita esa persoa e de que maneira podemos achegarlle valor. Definir o público obxectivo, identificar os seus problemas e construír unha proposta comercial clara permite desenvolver accións de márketing máis coherentes, eficientes e orientadas a resultados.

Para as persoas emprendedoras, autónomas e pequenas empresas, este traballo previo pode marcar unha diferenza importante. Non é necesario contar cun gran orzamento nin desenvolver campañas complexas: moitas veces, unha mensaxe ben definida e dirixida ás persoas adecuadas pode abrir máis oportunidades que unha comunicación moi ampla e pouco concreta.

No Coworking Miño – Casa do Pescador apostamos por acompañar ás persoas emprendedoras no desenvolvemento dos seus proxectos, facilitando recursos, formación e un espazo no que compartir coñecementos e xerar novas oportunidades.

Porque antes de chegar aos teus clientes, o primeiro paso é saber quen son e que lles podes ofrecer.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.