Como calcular o prezo do que ofreces é unha das decisións máis importantes á hora de emprender. Un prezo moi baixo pode dificultar a rendibilidade do teu negocio, mentres que un demasiado alto pode afastar parte da clientela potencial. Por iso, é fundamental atopar un equilibrio entre os custos da actividade, o beneficio que queres obter e o valor que achegas co teu produto ou servizo.
Se estás empezando un proxecto ou queres revisar os prezos do teu negocio, neste artigo contámosche que factores debes ter en conta e que pasos podes seguir para establecer prezos que che permitan desenvolver a túa actividade de forma sostible.
1. Calcula tódolos custos do teu negocio
O primeiro paso para fixar un prezo é saber canto che custa realmente producir o que vendes ou prestar o servizo que ofreces. Para iso, debes identificar tanto os custos directos como os gastos xerais da actividade.
- Custos directos: están relacionados directamente co produto ou servizo. Poden incluír materias primas, embalaxes, ferramentas específicas, gastos de envío ou o tempo de traballo necesario para realizar un encargo.
- Custos fixos: son aqueles que debes asumir independentemente do volume de vendas. Aquí inclúese o alugueiro dun local, a conexión a internet, os seguros ou determinadas subscricións dixitais.
- Custos variables: cambian en función da actividade ou das vendas. Por exemplo: as comisións por operacións, os materiais empregados ou os gastos de transporte asociados a cada pedido.
Identificar estes gastos permitirache coñecer o custo real da túa actividade e evitar que queden partidas sen contabilizar. Se es unha persoa autónoma, lembra incluír tamén o valor do teu tempo de traballo. As horas que dedicas a producir, atender aos clientes, preparar propostas ou xestionar o negocio forman parte do custo da actividade.
2. Decide que marxe de beneficio queres obter
Unha vez calculados os custos, debes determinar que beneficio queres conseguir coas túas vendas. Este paso é fundamental para que o negocio non se limite a cubrir gastos, senón que tamén xere recursos para crecer e afrontar posibles imprevistos.
Unha fórmula sinxela para calcular o prezo de venda é:
Prezo de venda = custo total por unidade ÷ (1 − marxe de beneficio desexada)
Por exemplo, se producir un artigo che custa 20 euros e queres obter unha marxe do 30 % sobre o prezo de venda, o cálculo sería o seguinte: 20 € ÷ (1 − 0,30) = 28,57 €
Neste caso, o prezo de venda sería de 28,57 euros, sen incluír os impostos que correspondan. A diferenza entre o prezo e o custo sería de 8,57 euros, o que representa unha marxe do 30 % sobre o prezo de venda.
É importante non confundir a marxe de beneficio coa porcentaxe que se engade ao custo. Se simplemente lle sumas un 30 % aos 20 euros, o prezo sería de 26 euros, pero a marxe real sobre a venda sería inferior ao 30 %.
Este cálculo é un punto de partida: para que o resultado sexa útil, os custos empregados deben incluír a parte proporcional dos gastos xerais e os demais custos asociados á venda.
3. Investiga os prezos da competencia
Coñecer os prezos doutras empresas que ofrecen produtos ou servizos similares, pode axudarche a situar a túa oferta no mercado. Observa que inclúen, a que tipo de clientes se dirixen, que condicións ofrecen e que diferenzas existen entre as distintas propostas.
Non se trata de copiar os prezos da competencia. Cada negocio ten unha estrutura de custos, unha experiencia e unhas características propias. Unha empresa con máis gastos ou que ofrece unha atención máis personalizada pode precisar unha estratexia de prezos diferente.
Pero, é importante ter en conta que, se o prezo que necesitas para cubrir os teus custos está moi por riba do que adoita pagar a túa clientela potencial, convén revisar o modelo de negocio, os gastos ou a proposta de valor antes de reducir o prezo sen máis.
4. Ten en conta o valor que achegas aos teus clientes
O prezo non depende unicamente do que custa producir un artigo ou prestar un servizo. Tamén inflúe o valor que percibe a persoa que o compra: a calidade, a especialización, a atención personalizada, a comodidade ou a capacidade de resolver unha necesidade concreta.
Por exemplo, dúas profesionais poden ofrecer un servizo similar, mais unha delas pode incluír asesoramento previo, seguimento posterior ou unha solución adaptada a cada cliente. Estes elementos poden xustificar unha diferenza no prezo, sempre que respondan a necesidades reais e a clientela os valore. Por iso, antes de fixar o prezo, pregúntate:
- Que fai diferente a túa oferta.
- Que problema resolves.
- Por que alguén debería escollerte fronte a outras alternativas.
Ter clara a túa proposta de valor axudarache a comunicar mellor o que ofreces e a evitar competir unicamente por prezo.
5. Se vendes servizos, calcula o valor da túa hora de traballo
Para as persoas autónomas que ofrecen servizos profesionais, como deseño, consultoría, comunicación, formación ou desenvolvemento web, calcular unha tarifa por hora é fundamental.
Para facelo, debes ter en conta:
- Os gastos mensuais do negocio.
- A remuneración que precisas obter.
- O tempo que podes dedicar á actividade.
- As horas que realmente podes facturar.
Non tódalas horas de traballo son facturables. Tamén necesitarás tempo para preparar propostas, xestionar facturas, atender correos, buscar clientes ou realizar tarefas administrativas.
Por exemplo, imaxina que necesitas cubrir 2.400 euros mensuais entre gastos do negocio e remuneración, e que podes facturar 80 horas ao mes. A tarifa mínima de referencia sería: 2.400 € ÷ 80 horas = 30 €/hora
Esta cifra é orientativa, non representa necesariamente o prezo final que deberías cobrar. Terás que comprobar se contempla tódolos custos, a marxe que queres obter e os impostos aplicables. Ademais, podes valorar a posibilidade de ofrecer prezos pechados por proxecto, especialmente se tes experiencia suficiente para estimar o tempo e os recursos necesarios.
6. Revisa os teus prezos periodicamente
Fixar un prezo non é unha decisión definitiva. Os custos poden aumentar, a demanda pode cambiar e a túa experiencia profesional pode permitirche ofrecer servizos de maior valor.
Por iso, é recomendable revisar os prezos de forma periódica e analizar se seguen sendo rendibles:
- Comproba canto ingresas.
- Que gastos asumes.
- Que servizos che resultan máis rendibles .
- Que opinión teñen os teus clientes sobre a túa oferta.
Tamén podes probar diferentes modalidades, como paquetes de servizos, tarifas por proxecto ou opcións con distintos niveis de prestacións. O importante é que cada alternativa teña uns custos controlados e responda a unha necesidade concreta.
Ao revisar os prezos, lembra comprobar como debes presentar o importe final, que impostos corresponden e que información cómpre comunicar á clientela. No caso do IVE, por exemplo, debes distinguir entre a base impoñible e o importe total que se cobra, aplicando o tratamento fiscal que corresponda á túa actividade.
Poñer prezo tamén é unha forma de coidar o teu negocio
Calcular correctamente o prezo dos teus produtos ou servizos é esencial para manter a actividade, remunerar o teu traballo e planificar o crecemento do teu proxecto.
Non abonda con mirar o que cobra a competencia ou escoller unha cifra que pareza atractiva. Necesitas coñecer os teus custos, definir os teus obxectivos e comprender o valor que achegas aos teus clientes.
Se estás emprendendo, adica tempo a facer estes cálculos. Utiliza unha folla de cálculo para rexistrar os gastos, estimar as vendas e revisar as marxes. Ter esta información actualizada permitirache tomar decisións con máis criterio e construír un negocio sostible a longo prazo.
Desde o Coworking de Miño animámoste a seguir formándote, compartir experiencias e aproveitar os recursos dispoñibles para impulsar o teu emprendemento. Porque unha boa idea necesita tamén unha boa planificación para converterse nun proxecto viable.